miércoles, 3 de julio de 2013

Galiza Ano Cero: outra televisión

Descrición do proxecto

Galiza Ano Cero é un canal de televisión sen ánimo de lucro na internet. Contidos producidos de maneira colectiva e horizontal, en código aberto e con transparencia, da comunidade para a comunidade, e difundidos baixo unha licenza Creative Commons Recoñecemento - Non Comercial - Compartir Igual (CC BY-NC-SA). Dende abaixo á esquerda. Outra televisión.
Galiza Ano Cero é unha comunidade aberta. Unha rede de grupos de traballo que poñen en común ideas, afectos e man de obra para construír unha ferramenta, non unha mercadoría. Calquera pode entrar e saír de Galiza Ano Cero. Calquera pode facerse oír e traballar en Galiza Ano Cero. Será o que todas queiramos que sexa.
Galiza Ano Cero é un banco de horas administrado colectivamente pola comunidade. Unha ferramenta que permite afrontar todas as tarefas derivadas da produción de contidos de maneira democrática e sustentábel, optimizando esforzos e recursos e permitindo a implicación de calquera.
Galiza Ano Cero é unha asociación cultural que dá soporte á comunidade e ao canal de televisión. Unha asociación autofinanciada mediante as cotas das socias e as doazóns de calquera que se constitúe ao mesmo tempo que nacen o canal e a comunidade e que será, tamén, o que todas queiramos que sexa.
Galiza Ano Cero é un portal webwww.galizaanocero.tve unha constelación de redes sociais. Un obradoiro coas paredes de cristal no que a comunidade e o canal se expresan, traballan e escoitan, á vista de calquera. Nada que ocultar.
Galiza Ano Cero está a piques de comezar a emitir dous programas quincenais, un de debate político e outro de entrevistas. Contidos plurais, pero non equidistantes.
E isto é só o principio. O resto decidímolo entre todas.
PARA QUE PRECISAMOS OS CARTOS?
Pedimos 6.300 euros pero en realidade necesitaríamos moito máis. Iso é o mínimo que se precisa para comezar as emisións e recuperar o investido na posta en marcha das pezas coas que armamos o canal, dende o web até os programas pilotos que irás coñecendo ao longo desta campaña.
A partir de aí, Galiza Ano Cero financiarase a través das cotas das súas asociadas e os seus asociados e mediante as doazóns puntuais que calquera poderá facer directamente no noso web. Achegas libres e voluntarias.
E para que son eses cartos? Para o equipamento técnico, para os gastos que se derivan de que calquera produción destas características e para o traballo das persoas que participan no proceso. Galiza Ano Cero non é un proxecto profesional, pero todas as tarefas están minimamente remuneradas.
Como e canto se paga polo traballo? O que a comunidade decida. Para iso está o banco de tempo de Galiza Ano Cero. Cada tarefa, por mínima que sexa, está identificada, racionalizada e traducida en horas, e todas as horas custan o mesmo. Dá igual que sexa tempo dedicado ao guión, á montaxe ou á comunicación.
CANDO EMPEZAREMOS?
Os programas piloto –un debate, varias entrevistas e un conxunto de tráilers promocionais– xa están gravados e editados. Lanzarémolos durante os 40 días que dura esta campaña, para que non te esquezas de nós e para que poidas avaliar as intencións de Galiza Ano Cero, o que queremos facer.
En canto remate esta campaña empezaremos a traballar para comezar as emisións normais no mes de setembro, á volta do verán. As recompensas, iso si, distribuirémolas antes, xusto cando remate o crowdfunding.

No hay comentarios:

Publicar un comentario